CRTVG

Buscar

Ribera promete buscar fórmulas para manter os postos de traballo de Ence

Publicado o 17/03/2021 21:41

A vicepresidenta cuarta do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Teresa Ribera asegurou este mércores, tras varias reunións cos diferentes actores implicados no conflito con Ence, que buscará formulas que permitan manter os postos de traballo na fábrica que ten a compañía en Pontevedra.

Segundo informou o ministerio a través dun comunicado, a vicepresidenta insistiu na vontade do Goberno de crear "un espazo de diálogo" entre os traballadores da pasteira, os do sector transportes e forestal, a empresa e as diferentes Administracións. Ribera mantivo este mércores en Madrid senllas reunións con representantes do comité de empresa da compañía e con representantes de CCOO e dos transportistas e sector forestal co obxectivo de dar tranquilidade a traballadores e familias sobre a continuidade dos postos de traballo na planta galega.

Ademais, o comunicado lembra que o artigo 18 da futura lei de cambio climático non ameaza co peche de Ence, xa que esta decisión corresponde unicamente á Audiencia Nacional, que debe decidir sobre a prorrogación outorgada polo anterior Executivo ata 2073, que foi recorrida polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros deste martes, Ribeira manifestou que "non hai ningunha instalación en Galicia nin en ningún outro sitio do litoral que se vexa afectada pola lei de cambio climático" e que a situación actual de Ence non tiña "nada que ver" con esta futura lei.

Nas últimas semanas, a empresa de celulosa anunciou a paralización dos seus investimentos de ata 400 millóns de euros na planta de Pontevedra á espera de que os tribunais decidan sobre a legalidade da concesión da súa prórroga. 

Noticias web

17/03/2021

Máis sobre Pontevedra