CRTVG

Buscar

Ribera pide cautela á hora de intervir o mercado eléctrico

Publicado o 13/01/2021 15:06

Este mércores volveu subir o prezo da luz no mercado maiorista. Calcula o Goberno que suporá un incremento de entre catro e dez euros na factura de xaneiro para once millóns de fogares. Aínda así, o Goberno amósase reticente a reformar o mercado enerxético, asegura, polas normas da Unión Europea.

Esta xornada, os consumidores que teñan contratada a tarifa regulada, entre eles os beneficiarios do bono social, pagarán case 90 euros por megavatio hora. Segundo datos de Eurostat, España é o quinto país en Europa co prezo máis alto da luz para os consumidores domésticos. E é que no noso país aplícaselle un IVE do 21 %, un dos gravames máis altos do espazo comunitario.

Nas últimas horas, Portugal, que comparte con España ese mercado grosista, decidiu frear a escalada de prezos con axudas directas a todos os fogares, asumindo o 10 % da factura. Xa baixara o IVE ao 6 % nas potencias máis baixas.

En España, cada vez máis voces piden unha reforma do sistema enerxético, incluso os propios socios de Goberno, Podemos, pero a ministra para a Transición Ecolóxica segue pedindo cautela. Teresa Ribera pide "ver, con respecto ás distintas alternativas de intervención do mercado que se están propondo dende o punto de vista teórico-conceptual, cal é a máis práctica, a máis sinxela, a máis segura con respecto ao marco europeo de mercado interior da electricidade e respecto ao noso marco constitucional. Creo que hai que ser coidadosos niso, queremos reformas robustas".

Noticias web

13/01/2021