CRTVG

Buscar

Ana Peleteiro, proposta como filla predilecta de Ribeira

Publicado o 02/08/2021 14:13

O nome de Ana Peleteiro acapara hoxe portadas e conversas, sobre todo na súa vila natal, Ribeira. Orgullo é a palabra que máis repiten os seus veciños para describir o que senten por este logro histórico da atleta, que sempre exerceu como embaixadora da localidade e á que todos admiran.

Ana Peleteiro iniciouse no atletismo con apenas 6 anos. Xa tiña madeira de campioa, segundo lembran os seus preparadores. E no Club de Atletismo de Ribeira non caben en si de gozo polo éxito da barbancesa, que se converteu xa nunha icona e nun revulsivo para este deporte.

Quen seguiu con especial emoción a evolución de Ana Peleteiro nos xogos de Toquio é outro deportista de elite de Ribeira que nuns días partirá cara ao Xapón para participar nas paralimpíadas que comezan o 24 de agosto. Álex Vidal representará a España na modalidade de Taekwondo. A medalla de Ana é ademais dun motivo de orgullo, unha dose de motivación extra para lograr o seu soño.

Toca cruzar agora os dedos para que Alex volva con outra medalla olímpica a Ribeira. Mentres, o Goberno municipal estuda xa nomear a Ana Peleteiro filla predilecta da vila.

Noticias web

02/08/2021