O Goberno pídelle a Alcoa corresponsabilidade e Iglesias ve "posibles" as nacionalizacións
Desde Alcoa aluden ao alto custo da enerxía como un dos motivos para que se chegara a esta situación "insostible". A inexistencia do anunciado estatuto para o consumidor electrointensivo é un dos factores que impide abaratar a enerxía que consome esta industria.
O Goberno pídelle á multinacional do alumnio corresponsabilidade. A ministra de Industria, Reyes Maroto, aínda onte destacaba as medidas impulsadas dende o Goberno para garantir a competitividade da industria electrointensiva, como a creación "que en breve traeremos a este Parlamento", dun fondo español de garantías de apoio aos contratos bilaterais de enerxía a longo prazo ou o citado estatuto. Deste último, a ministra volveu anunciar a súa inminente aprobación.
Neste sentido, o Ministerio avanzou que seguirá mantendo un contacto "permanente e fluído" coa dirección da empresa e cos representantes dos traballadores para coñecer os avances do período de consultas que se vai a iniciar.
Maroto tamén lembrou que a multinacional recibiu "moitas axudas públicas" durante toda a súa historia no país, polo que lle pediu corresponsabilidade co obxectivo de España de construír "un proxecto de país".
"Coñecemos os problemas estruturais que ten Alcoa, traballamos moi da man co comité de empresa e tamén coa dirección; o contexto actual de importante caída da demanda de aluminio primario fai que a empresa tome decisións", sinalou Maroto.
O ano pasado, a empresa xa tomou a decisión de pechar as súas plantas da Coruña e Avilés (Asturias), alegando as mesmas razóns. Finalmente, tras a colaboración do Ministerio cos gobernos autonómicos, ambas as fábricas acabaron en mans de Parter Capital, un fondo suízo que recentemente as vendeu á súa vez a Grupo Risco.