Detectan 18 infectados nunha residencia de maiores en Lleida; en España hai 36 focos en seguimento
Un novo brote de coronavirus nunha residencia de maiores de Lleida e outro nunha empresa de produtos cárnicos de Valencia elevan a 36 os focos activos en España, dos que unha ducia están baixo control.
Apenas 48 horas puideron gozar da volta á normalidade os veciños das comarcas oscenses de Cinca Medio e Baixo e A Litera, afectados polo rebrote de coronavirus detectado nunha empresa hortofrutícola.
No centro de saúde de Fraga traballan arreo para realizar as probas diagnósticas ao círculo dos contaxiados.
A pesar das medidas de contención adoptadas, o temor é que o brote se estenda pola veciña provincia de Lleida, onde se detectaron 18 casos nunha residencia de anciáns da capital.
Tamén en Valencia os tests realizados nunha empresa cárnica de Rafelbunyol confirmaron seis positivos por covid-19. En total son 36 os brotes activos en España, unha ducia baixo control, segundo informou a vicepresidenta primeira do Goberno, que pediu responsabilidade á cidadanía e non descartou volver a recorrer a medidas restritivas.
"Chegado o momento que tivésemos algunha situación grave, o Goberno pode decretar perfectamente a alarma nunha parte do territorio, senón en todo. E, desde logo, oxalá non o teñamos que facer, pero volveremos a ser moi responsables e volveremos a ser moi contundentes para protexer a saúde", dixo Carmen Calvo.
O incremento de casos detectado en Navarra concéntrase en dúas zonas, a comarca de Pamplona e o norte da comunidade, e todos os positivos están relacionados co ámbito familiar.