CRTVG

Buscar

Rexístranse en España 724 mortes por mor da covid−19, a maior cifra da terceira vaga

Publicado o 02/02/2021 18:41

O ministerio de Sanidade notificou este martes 724 mortos máis respecto ás cifras de onte. Iso supón o maior dato de falecementos da terceira vaga. Así, a cifra total de mortes elévase a 59.081, das cales se rexistraron 1.776 nos últimos sete días.

Así mesmo, rexistráronse 29.064 novos positivos de covid−19 desde o luns e un lixeiro descenso de sete décimas da presión nas UCI, ata unha ocupación do 44,58 %, e tamén unha nova baixada na incidencia acumulada ata os 846,84 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, 18,8 % puntos menos que onte.

A cifra total de contaxios elévase ata o momento aos 2.851.869.

Desde o luns notificáronse 724 mortes. Na última semana faleceron por coronavirus 1.776 persoas. A Comunidade Valenciana concentra 465 das mortes do últimos sete días, mentres que en Andalucía houbo 280; en Castela e León 161; en Galicia 152; en Murcia 130, e en Estremadura 116.

Por primeira vez en 2021 a presión hospitalaria rexistrou un lixeiro descenso nas unidades de coidados intensivos. Foi unha baixada de sete décimas, e este martes hai 4.853 enfermos de covid−19 nestas dependencias, 41 menos que onte.

Nos hospitais españois hai 31.118 persoas ingresadas con coronavirus (905 menos que este luns), que ocupan un 24,18 % das camas totais (fronte ao 24,96 % do 1 de febreiro).

A Rioxa sitúase no primeiro posto, cunha ocupación de UCI do 72,41 % (71,2 % onte), seguida por Melilla, que sobe ata o 70,59 % desde o 64,7 % do luns, e a Comunidade Valenciana, aínda que baixa dous puntos ata 61,73 %.

Tamén descendeu a incidencia acumulada por cada 100.000 casos en 14 días, xa que o pasado venres se situaba en 865,67. Por encima dos mil casos por cada 100.000 habitantes en 14 días atópase este luns a Comunidade Valenciana, con 1.382 (1.352 onte); seguida de Castela e León, con 1.293 (1.330); A Rioxa, con 1.268 (1.304); Castela-A Mancha, con 1.105 (1.127); Melilla, con 1.040 (1.074), e Murcia, con 1.016 (1.098).

Sanidade informou de que se practicaron un total de 1.755.452 probas diagnósticas entre os días 23 e 29 de xaneiro, cunha positividade do 13,97 %, fronte ao 14,44 por cento de onte. 

Medidas nas comunidades autónomas 

Andalucia rexistrou este martes mil contaxios menos que hai unha semana pero sumou 107 falecidos nun día, o máximo de toda a pandemia, e marcou un novo récord de hospitalizacións. Málaga atravesa a situación mais complcada. Superou o linde dos mil positivos por cen mil habitantes e pechará a sua actividade non esencial a partir desta medianoite.

A presión asistencial tamén se deixa sentir en Castela e León, unha das comunidades autónomas que mais contaxios rexistraron este martes. O goberno autonómico recoñece que estuda a posibilidade de trasladar pacientes de covid−19 a Cantabria, Madrid ou o Pais Vasco se fose necesario.

Madrid notificou este martes 3.247 novos casos e roza os mil de incidencia acumulada. Porén, o goberno de Isabel Diaz Ayuso segue optando por relaxar as restricións. O conselleiro de sanidade xustificou que se ampliara de catro a seis o limite de persoas que pode haber nas mesas de terrazas en bares e restaurantes.

A propia presidenta comprometeuse esta tarde a retrasar ata duas horas o peche da actividade non esencial se a tendencia de contaxios o permite.