Rexistrado un novo sismo, de baixa intensidade, en Folgoso do Courel
Publicado o 02/06/2021 10:37

A terra volveu tremer nas últimas horas no concello lucense de Folgoso do Courel, aínda que neste caso a veciñanza non percibiu o sismo pola súa baixa intensidade: 2,2 graos na escala de Richter.
Este novo sismo produciuse a oito quilómetros de profundidade e detectouse ás 11:26 horas do luns, segundo informou o Instituto Xeográfico Nacional.
A poboación do municipio si que sentira o anterior, rexistrado o 14 de marzo, cunha magnitude de 3,4 graos. Daquela, a alcaldesa, Lola Castro, contaba que tras "escoitar un ruído intenso" comezou a recibir chamadas e mensaxes preguntando polo sucedido.
Tres minutos despois dese terremoto, produciuse outro sismo de menor intensidade, pero algo máis forte ca o deste luns: 2,5 graos na escala de Richter.