CRTVG

Buscar

Rexeitan poñer en liberdade un adulto e dous menores detidos polo crime de Samuel

Publicado o 05/08/2021 16:46
Rexeitan poñer en liberdade un adulto e dous menores detidos polo crime de Samuel
EFE

Desestímanse os recursos de apelación que interpuxeran tres dos detidos polo crime de Samuel. Os recursos, relacionados con dous menores e un adulto, vencéllanse aos autos que ratifican medidas privativas de liberdade. Así o comunicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O tribunal ratifica a necesidade de manter ingresado en prisión provisional, comunicada e sen fianza un dos adultos. Con base nas dilixencias testificais e documentais que se practicaron por agora, os maxistrados subliñan que a medida está "xustificada e aparece suficientemente motivada". Do mesmo xeito, o tribunal cre que hai "indicios racionais da comisión por parte do recorrente dun delito de homicidio", así como "da súa participación na brutal e prolongada agresión física perpetrada sobre a vítima, á que varias persoas lle propinaron continuos golpes e patadas ata causar a súa morte por traumatismo cranioencefálico".

A prisión provisional xustifícase, din os xuíces, ademais de pola gravidade do delito e a pena que supón, por un "risco evidente" de que o apelante "puidese tratar de obstruír a investigación e de alterar ou influír sobre as fontes de proba, especialmente no que se refire ás testemuñas".

No auto tamén se sinala que o arraigamento residencial e familiar que alega o investigado son insuficientes para substituír a prisión provisional por outra medida menos restritiva da súa liberdade.

Desestímanse os recursos interpostos polos dous menores investigados

Por outra parte, a Audiencia Provincial tamén desestimou os recursos de apelación interpostos polos dous menores investigados na causa contra o auto que mantén para ambos a medida de internamento en réxime pechado. Segundo o tribunal, hai "fundados indicios", que se desprenden das declaracións testificais e da documentación gráfica, da súa participación na comisión dos feitos.

No auto, os maxistrados indican sobre un dos menores que xa fora sentenciado antes co cumprimento dunha medida de liberdade vixiada, e afirman que foi durante o período en que se tiña que cumprir esa medida cando "presuntamente se infrinxe de novo a lei penal dun modo tan contundente e con consecuencias tan lutuosas, evidenciándose así unha clara progresión delituosa que esixe unha resposta sancionadora-educativa inmediata".

A Audiencia e o Xulgado de Menores, ademais de pola gravidade do delito polo que están a ser investigados, consideran xustificada a adopción da medida coa intención de evitar a reiteración delituosa, o risco de fuga e a posibilidade de obstrución á acción da xustiza.