Endesa comprométese a buscar solucións para a central das Pontes
• O conselleiro delegado da compañía confirmoulle ao presidente da Xunta que buscan alternativas para evitar o peche
O presidente da Xunta asegurou este venres que "Endesa se compromete manter a central traballando e para iso é necesario buscar solucións para que o prezo da tonelada de misións de CO2 non fagan incompatible o funcionamento coa conta de resultados".
Tras a reunión que mantivo na sede da Xunta en San Caetano co conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, Feijóo dixo que hai "750 persoas detrás desta planta enerxética. É unha central que fixo os investimentos necesarios para cumprir coas esixencias de Europa. Na UE hai moitas centrais funcionando. E nese contexto entendemos que pode seguir funcionando e debemos buscar as fórmulas alemás, británicas ou italianas que posibilitan que as súas centrais sigan funcionando".
José Bogas, pola súa parte, dixo que "son unhas determinadas circunstancias as que levan a Endesa a estudar a discontinuidade da central das Pontes. O compromiso da empresa é traballar para atopar solucións que permitan continuar cunha actividade industrial similar. Se non é o cen por cento que si poida xerar riqueza e emprego". En calquera caso, dixo que "non oculto que hai dificultades, pero tamén me ratifico co interese de Endesa de que sexa así".
Núñez Feijóo insistiu en que "a Xunta de Galicia está absolutamente comprometida co cambio climático e somos coñecedores de que a transición debe ir polo camiño da diminución do carbón e empregando outras formas de enerxía. Pero tamén sabemos que en 2021 a UE se compromete a poñer unhas cuantías moi imporantes para esa transición ordenada e xusta, e temos que chegar cunha central operativa ata chegar a eses fondos que nos permitan esa transición".
"Está claro que a compañía ten como obxectivo manter a central operativa, -continou Feijóo- e está claro que as 750 familias é un motivo moi sólido para que isto sexa así, e está claro que a UE e os grandes países de europa teñen as súas centrais operativas e esta é unha das dúas de España que fixeron os investimentos para manter a central aberta, e o Goberno ten que ser un aliado para manter a central funcionando, non pode ser o problema de que a central das Pontes non funcione e polo tanto nos aboque ao peche.
"A valoración da Xunta é positiva, sabemos que temos un problema pero sabemos que temos solucións. España non pode pechar a súa central térmica máis importante", concluíu o presidente da Xunta.