CRTVG

Buscar

Retroceso da terceira vaga en Vigo con 340 recuperados e 59 contaxios diagnosticados

Publicado o 13/02/2021 21:02

A fin de semana do 23 e 24 de xaneiro, á que pertencen estas imaxes, a área sanitaria de Vigo notificaba dun día para outro 360 positivos en coronavirus. A porta do hospital Álvaro Cunqueiro era un espello da forza da terceira onda: un sen parar de ambulancias e persoal vestido con EPI.

Este sábado 21 días despois a entrada do Cunqueiro volve servir para darnos unha idea da presión hospitalaria. Fronte a aquelas cifras de 400 persoas contaxiadas nun día, este sábado deron positivo, por PCR, 59 persoas. Como nas últimas 24 horas houbo 340 persoas recuperadas, é dicir, que deron negativo na proba PCR despois de varias semanas dando positivo, o saldo do día supón que hoxe hai 280 casos menos ca onte. Vigo ten 2.346 casos activos. A terceira vaga retrocede.

Este sábado nos hospitais da área sanitaria viguesa hai 25 persoas en coidados intensivos, tres menos ca onte, e 116 nas plantas de tres centros, o Cunqueiro, Povisa e Vithas Vigo, 22 menos que hai 24 horas.

Pero a pesar dunha redución de casos 40 por cento en quince días non hai que esquecer que nas últimas 24 horas morreron nove persoas.

Noticias web

13/02/2021