Retómanse as viaxes turísticas en grupo co programa "Elixe Galicia"
Arredor de 200 galegos e galegas emprendían hoxe a súa primeira escapada en tempo. Uns, ao balneario de Cuntis, e outros, ás Rías Baixas ou á Mariña. Todos con "Elixe Galicia", viaxes en grupo subvencionadas pola Xunta para promover o turismo interno fóra de temporada. "Son xeniais, económicas e o trato é marabilloso", dicía unha viaxeira que repite experiencia.
Son viaxes de tres a cinco días para gozar da montaña, do mar, do patrimonio cultural ou das augas termais. Pódense beneficiar delas familias con nenos, xente nova e xubilados. Desta volta animáronse os maiores.
Tras un ano pechado, o hotel Termas de Cuntis reabriu para acoller un dos grupos. Estas viaxes inxectan enerxía na industria turística.Tamén veñen a romper co tedio e mesmo co illamento que trouxo a pandemia.
Preto de 4.500 persoas solicitaron praza no programa, pero aínda quedan moitas libres. A reserva pódese facer en calquera axencia de viaxes. O prezo anda entre os 129 e 222 euros e inclúe transporte, aloxamento, pensión completa, excursións, entradas e guía.