CRTVG

Buscar

Rescate e multa por saltar o peche perimetral entre municipios

Publicado o 15/02/2021 16:55

Insólito caso ao que se enfrontaron os axentes da Policía Local de Cangas esta fin de semana. Alertados por un cidadán que pasaba pola zona, acudiron en axuda dun home que pedía auxilio dende o interior da estación marítima onde quedara pechado.

"O que di este señor é que foi ao baño e ao saír pecharan as instalacións. Estivo berrando ata que pasou unha persoa polas inmediacións e chamou á Policía. Achegouse unha patrulla, conectamos coa navieira e conseguimos liberalo", relata Alberto Agulla, inspector xefe da Policía Local de Cangas.

Solucionada esta situación, os axentes procederon á identificación do usuario afectado, que resultou ser un veciño de Bueu e que, polo tanto, estaba incumprindo as restricións á mobilidade que impoñen os peches perimetrais dos concellos por mor da pandemia.

"Un cidadán francés que leva tempo asentado en Bueu. Pretendía trasladarse a Vigo e o que lle advertimos é que saltara o peche perimetral, que non podía vir de Bueu a Cangas", asegura o inspector.

O afectado alegou descoñecer a norma, porén os axentes procederon a denuncialo en cumprimento da súa obriga.

Noticias web

15/02/2021