CRTVG

Buscar

Rescatan unha nai e o seu fillo de sete anos, que fora arrastado polas correntes do río Miño

Publicado o 24/08/2021 14:56

Ocorreu nesta praia fluvial a carón da ponte internacional de Goián, en Tomiño. A nai e o fillo, de só 7 anos, estaban bañándose nunha zona aparentemente tranquila. O pequeno decidiu ir nadando ata o piar da ponte e foi entón cando foi arrastrado polas fortes correntes. Ao ver que o neno estaba en perigo, a nai intentou axudalo sen éxito. Por sorte estaba na zona unha embarcación de recreo que logrou rescatalos sans e salvos.

Non imaxinaban que houbese correntes nesa zona. Nai e fillo confiáronse e metéronse na auga. O pequeno afastouse e foi arrastrado pola corrente cando chegaba a un dos piares da ponte.

Os berros do neno alertaron a nai, que intentou axudalo. Tiveron sorte porque nese momento había unha moto acuática e unha embarcación na zona. Levaron o neno na moto e rescataron a nai coa embarcación. 

Trátase dunha zona do río con moitas canles e diferentes niveis de profundidade, o que o converten nun lugar pouco recomendable para o baño. Este é un lugar marcado pola traxedia, onde xa faleceron dúas persoas.

Tanto a nai como o fillo saíron ilesos, pero o susto non llo quita ninguén.

Noticias web

24/08/2021