Rescatan unha cadela que levaba oito días no fondo dun sumidoiro na Estrada
Sora é unha cadela adestrada para a caza do raposo que pasou oito días nun sumidoiro ao pé do antigo matadoiro da Estrada. Conta o seu dono que a botou en falta o sábado 22, logo dun adestramento en grupo polo monte. Ese mesmo día unha veciña deu aviso de que escoitara ladrar un can dende os desaugadoiros, abandonados e sen tapa.
O cazador, a Policía Local e Emerxencias achegáronse para comprobalo, pero Sora non deu máis sinais de vida. Di o dono que repetiu a visita varias veces durante a semana pasada, convencido de que a cadela non se perdera porque esta é unha zona de adestramento habitual e coñecíaa ben. Todas as visitas foron en van, porque Sora esperou a manifestarse de novo o domingo, ao paso da mesma veciña que a escoitara a primeira vez. Ela quixo confirmar o achado antes de volver avisar a policía, así que ideou un plan: botou no buraco pan e auga, e volveu pola tarde para comprobar que despareceran. Xa coa axuda da policía local, repetiron a estratexia: deixaron un cebo de chourizo e unha minicámara no fondo da arqueta, de máis dun metro de profundidade, e finalmente conseguiron descubrir á que foi inquilina da rede de sumidoiros durante oito días.
Co susto e con algunhas feridas no lombo, a cadela descansa xa na casa. Agora a preocupación do seu propietario é que algo así non volva suceder, preocupación que comparten algúns veciños da zona. A rede de sumidoiros do vello matadoiro segue con algunha boca aberta, e outras a medio tapar.