Rescatan os seis tripulantes dunha embarcación afundida preto de Estaca de Bares
Seis mariñeiros de Celeiro tiveron que ser rescatados ao se afundir o seu barcos a 15 millas de terra por culpa dunha vía de auga. Recolleunos un arrastreiro de Burela que traballaba na mesma zona e afortunadamente están todos ben.
O barco accidentado é o Pico da Lebre, que levaba seis tripulantes a bordo no momento do contratempo e que conseguiron abandonar a embarcación antes do seu afundimento nunha balsa salvavidas.
Os tripulantes foron rescatados da balsa polo pesqueiro Mendaña e trasladados ao porto de Burela, na costa da Mariña de Lugo. O afundimento do pesqueiro Pico da Lebre orixinou a mobilización da embarcación Salvamar Alioth e do helicóptero Pesca II na zona onde se produciu o naufraxio.
O arrastreiro Mendaña, de Burela, volveu saír ao mar na noite deste xoves despois de deixar en terra aos seis naufragos. O seu armador di que é a primeira vez que teñen que recoller a alguén no mar e que afortunadamente todo saiu ben.