CRTVG

Buscar

Rescatan o corpo sen vida dunha cuarta vítima do incendio na nave de Badalona

Publicado o 14/12/2020 17:02
Rescatan o corpo sen vida dunha cuarta vítima do incendio na nave de Badalona
Os equipos de emerxencias atoparon este luns o corpo dunha cuarta vítima mortal do incendio nunha nave industrial de Badalona (Barcelona), segundo explicou o conseller de Interior da Generalitat, Miquel Sàmper, en conferencia de prensa.
O incendio, que se declarou o mércores sobre as 21 horas nunha nave ocupada ilegalmente no barrio do Gorg, deixou un balance provisional de catro mortos, e o sábado comezou a demolición do inmoble tras acharse tres vítimas mortais no interior.
Sàmper explicou que arredor das 13 horas atopouse unha cuarta vítima mortal durante o proceso de derrubamento da nave, e anunciou que "non se poderá facer o peche oficial de vítimas ata que non se acabe o traballo de derriba, xa que non se descarta atopar máis cadáveres".
O comisario Joan Carles Molinero indicou que en Cataluña hai outros edificios ocupados cunha situación similar, e manifestou que "os Mossos d'Esquadra traballan cos concellos para situar estes asentamentos que nun momento dado poden ser críticos".
Molinero asegurou que desde o pasado xoves, o corpo dos Mossos d'Esquadra, a través da Unidade de proximidade e a Unidade de relacións coa comunidade, "está a traballar na actualización do censo destes edificios de distintos municipios de Cataluña que poderían ter unha situación de vulnerabilidade similar ao edificio de Badalona".