CRTVG

Buscar

Rescatan dúas persoas nunha zona de difícil acceso, preto do faro de cabo Silleiro

Publicado o 26/06/2020 10:16

O teléfono librounos de pasar a noite á intemperie. Os dous mozos estaban facendo unha excursión polo monte preto do faro de cabo Silleiro, cando caeu a noite. Non lograron orientarse, polo que quedaron totalmente illados. Asustados, sen saber como volver ao punto de partida decidiron alertar o 112.

Enseguida se puxo en marcha un amplo dispositivo de busca para dar con eles. Ao lugar acudiron o GES da Guarda, a Garda Civil de Baiona e os Bombeiros do Baixo Miño, que despois de varios intentos, debido á mala cobertura, lograron poñerse en contacto con eles por WhatsaApp. Deste xeito puideron coñecer as coordenadas do punto exacto onde se atopaban.

Os servizos de emerxencias tardaron máis dunha hora en localizar os dous mozos, xa que o lugar era difícil acceso. Finalmente foron rescatados en perfectas condicións.