CRTVG

Buscar

Rescatan dúas familias de Lugo: o GPS levounos por unha pista de terra en Cervantes

Publicado o 11/01/2021 14:48

Dúas familias de Lugo tiveron que ser rescatadas esta fin de semana cando volvían de pasar o día nos Ancares. Fiáronse do GPS do coche e acabaron perdidos nunha pista por onde só poden transitar todo terreo.

Foron pasar o día á aldea de Piornedo, en Cervantes. Á volta, xa de noite, o navegador levounos polo camiño errado ata este sendeiro de terra cuberto de neve e de xeo.

"Miramos as estradas asfaltadas e non os encontrabamos. Como non tiñan cobertura, dixémoslles que cada vez minutos foran chamando ao 112 para que lles pasasen con nós. Ao final déronnos as coordenadas e atopámolos aquí nesta pista atrancados. Traían un GPS do coche que lles indicou mal e foinos metendo por estas pistas ata que lles quedaron os coches sen aire", manifesta Miguel Doiras, membro de Protección Civil de Cervantes.

A excursión aos Ancares estaba integrada por catro adultos e tres nenos, que viaxaban en dous turismos. Unha vez localizados, os membros de Protección Civil colocáronlle as cadeas a un dos coches e empuxárono dous quilómetros ata que puido continuar a viaxe.

Tocante á outra familia, tivo que volver en taxi e recuperar o vehículo ao día seguinte. Para evitar incidentes coma este, dende Protección Civil recomendan non circular por camiños cubertos de neve.

Noticias web

11/01/2021