CRTVG

Buscar

Rescatan 24 persoas con vida de entre os entullos provocados polo terremoto en Haití

Publicado o 23/08/2021 18:19
Rescatan 24 persoas con vida de entre os entullos provocados polo terremoto en Haití
EUROPA PRESS

Un total de 24 persoas, incluídos catro menores de idade, foron rescatadas con vida nas últimas horas de entre os entullos en que foron sepultados o pasado 14 de agosto tras o grave terremoto que azoutou o país. A cifra oficial de falecidos supera xa as 2.200.   

"Un equipo de rescate chegou a 24 persoas, incluídos 4 nenos, que quedaran atrapadas en Makaya  Peak desde o terremoto do 14 de agosto", informou Protección Civil haitiana nunha mensaxe publicada en Twitter.   

"Estas 24 persoas están vivas. Un helicóptero transportounas a Kanperen para que reciban atención. Xa recibiron asistencia alimentaria e kits de hixiene", engadiu Protección Civil.   

Un cidadán que traballaba na zona alertou os servizos de rescate, que puxeron en marcha a operación, que culminou con éxito este domingo, informa o portal de noticias haiti24.net.   

Segundo o último balance oficial de Protección Civil, hai 2.207 falecidos como consecuencia do terremoto. Ademais, o organismo deu conta de 344 persoas desaparecidas e 12.268 persoas feridas. En canto aos danos materiais, contabilizáronse 52.923 casas destruídas e 77.006 casas danadas.

 

Noticias web

23/08/2021