CRTVG

Buscar

Rescatan o cadáver dun dos dous desaparecidos tras envorcar un cargueiro no porto de Castelló

Publicado o 29/05/2021 21:14

Uns cento cincuenta efectivos traballaron en distintas quendas no porto de Castelló este sábado e avanzada a tarde rescataban o cadáver dun dos desaparecidos. É un mozo de 22 anos, de nacionalidade india, un dos nove tripulantes do cargueiro de bandeira panameña Nazmiye Ana. Seguen buscando un estibador castellonenco de 35 anos, que se encontraba a bordo cando sucedeu o accidente. Ademais, houbo tres feridos e só un deles, de nacionalidade española, continúa hospitalizado en estado grave.

Dous robots submarinos, un deles enviados por Salvamento Maríitimo desde A Coruña, mobilizáronse para axilizar os traballos de busca, dificultados pola considerable dispersión da carga. "Temos que pensar que hai parte da carga que quedou na adega e hai outra que quedou enganchada. Hai máis que está digamos que esparexida polo leito mariño e ao final todo iso tamén dificulta un pouco todas as tarefas", sinalou Rafael Simó, presidente da Autoridade Portuaria de Castelló.

A embarcación sinistrada procedía de Barcelona, dirixíase a Alxeria e non transportaba mercancías perigosas. Aínda así, erguéronse barreiras anticontaminantes no porto castellonenco.

Polo de agora descoñécense os motivos polos que envorcou o cargueiro de 79 metros de eslora. Barállase a posibilidade de que se producise un erro no lastrado de auga antes de cargar o último colector, que foi o que provocou o seu rápido afundimento.

Noticias web

29/05/2021