CRTVG

Buscar

O mariñeiro falecido no naufraxio do Divina del Mar será soterrado esta tarde

Publicado o 13/11/2019 07:54

O pesqueiro Divina del Mar, que naufragou de madrugada nas inmediacións do Castro de Baroña, non será remolcado. Con aviso laranxa na costa e no medio de ondas de ata cinco metros, Salvamento Marítimo xa considerou que remolcalo ía ser misión imposible polas condicións de risco que hai para traballar entre as rochas e porque non hai ningunha garantía de que se poida levar a cabo con éxito a manobra de recuperación. Pouco despois confirmouno tamén o propio armador.

Un pesqueiro de Portosín, o Divina del Mar, encallou esta madrugada preto do castro de Baroña. Faleceu un dos nove mariñeiros que ían a bordo. Desde primeira hora da tarde traballan para sacar o barco do lugar no que varado.

O accidente

O accidente do cerqueiro Divina del Mar produciuse preto do castro de Baroña, en Porto do Son, pasadas as tres da mañá, cando a embarcación con nove tripulantes andaba á pesca do xurelo. Segundo os testemuños recollidos, o mar estaba ben para desenvolver o traballo con seguridade, pero un problema do motor puido ser a causa de que o barco acabara contra as pedras.

Isaac Gaciño, vicepatrón maior da confraría de Portosín di que "estaban a buscar peixe ás 3-4 da mañá. Parece que lles parou o motor e quixeron arrincalo de novo, pero non foron capaces. Cando se decataron xa estaban metidos nas pedras. Non houbo maneira de sacar o barco".

Axiña acudiron en auxilio dos tripulantes do Divina del Mar outros pescadores que andaban pola zona, para axudarlles a saír do apuro. Cando chegaron, un dos tripulantes do cerqueiro sinistrado, José Manuel Castelo, botouse do barco e como consecuencia do impacto contra as rochas faleceu. O seu corpo foi rescatado pasadas as seis e media da mañá.

Outros tres mariñeiros lograran chegar á terra polos seus medios e os que quedaban no cerqueiro accidentado puxéronos a salvo os pescadores, como o tripulante Juan Perol, do Ardorán, que andaban pola zona: "Collemos dous dunha vez e dous doutra, porque o bote era bastante pequeno e non cabiamos todos. Cando chegamos aquí xa estaba todo o barco escorado. Decidimos sacar os botes para o mar e xa fomos a socorrelos ao barco".

O pesqueiro accidentado ten base en Portosín, onde foi trasladado o corpo da vítima mortal do accidente, veciño do lugar do Obre, en Noia.

Isaac Gaciño, vicepatrón maior da confraría de Portosín destaca que "o peor do sinistro é isto. Desde a confraría estamos apesarados e a maior perda que temos é o falecemento dun mariñeiro. Experto como era e de moita antigüidade na empresa".

Durante toda a mañá na zona do sinistro estiveron a traballar no obxectivo de refrotar a embarcación para evitar que sufra danos maiores ante a previsión de mar moi revolto para as próximas horas.

Fomento anuncia que xa se está investigando o incidente. Desde o ministerio confirman que o barco cumpría con todos os requisitos e, segundo a confraría de pescadores de Portosín, tiña os papeis en regra e pasara todas as inspeccións. A causa máis probable do accidente é que se lle parou o motor e a marea alta arrastrouno contra as rochas decontado.