CRTVG

Buscar

Requisados máis de 2.000 quilos de peixe e marisco en operativos contra o furtivismo na costa galega

Publicado o 08/12/2020 17:45
Requisados máis de 2.000 quilos de peixe e marisco en operativos contra o furtivismo na costa galega

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 2.000 quilos de peixe e marisco e preto de 300 útiles, ademais de 8.000 metros de artes de enmalle, en diversos controis no litoral galego, informou este martes a Xunta de Galicia nun comunicado.

Os operativos máis importantes desenvolvéronse entre as rías da Coruña e Ferrol, onde os axentes comisaron preto de 370 quilos de distintos produtos do mar. Ademais, recolleron nesa mesma zona 20 útiles e máis de 6.500 metros de artes de enmalle.

Segundo o Goberno galego, nun dos controis, realizado entre Ferrol e Lorbé (Oleiros, A Coruña), fixéronse con 4.400 metros de artes de enmalle por estar calados de modo irregular, fóra do horario permitido, e intervivnieron uns 80 quilogramos de centola e uns 3 de pinto, ademais de 3,5 quilogramos de choco e 800 gramos de maragota.

Noutro operativo, conseguíronse 400 metros de redes de enmalle, 3 nasas e un fusil de pesca, así como 95 quilos de centola e medio quilo de nécora sen identificar. Doutra banda, na ría de Ferrol houbo outros operativos que se saldaron con importantes incautacións.

Nun destes controis actuaron mergulladores do buque Ría de Vigo para requisar 80 quilos de centola, 10 de vieira e 5 de nécora, ademais dunha nasa, catro salabardos, 2 quilos de carneiro e un de ameixa babosa. Un último despregamento na zona saldouse coa retirada de 800 metros de artes de enmalle, 2 nasas, 21 quilogramos de centola e 7 de vieira.

Tamén se realizaron operativos na ría de Arousa, Castiñeiras e na ría de Vigo, mentres que na da Coruña levaron a cabo dous na ría de Muros-Noia e en Camariñas. En terra, completáronse operativos en establecementos e nunha depuradora, onde se incautaron de 1.350 quilos de ameixa xaponesa sen documentación de trazabilidade.