CRTVG

Buscar

Repuntan as mortes por coronavirus no Reino Unido e Italia

Publicado o 19/05/2020 18:30
Repuntan as mortes por coronavirus no Reino Unido e Italia

O Reino Unido comunicou hoxe 545 novas mortes por COVID-19, que sitúa o total en 35.341 falecidos en residencias, hospitais e domicilios desde que comezou a pandemia.

Tras rexistrar o domingo e o luns as cifras de falecidos diarios máis baixas desde marzo (170 e 160 mortos, respectivamente), o reconto oficial volveu repuntar este martes, cando se detectaron ademais 2.412 novos contaxios no país.

Italia rexistra 162 falecementos con COVID-19 no último día

A cifra de mortos con coronavirus tamén repunta en Italia, ao se rexistraren 162 as últimas 24 horas, despois de que o luns caeran por baixo do cento, segundo os últimos datos oficiais de Protección Civil.

Dos novos falecidos, 54 corresponden á rexión da Lombardía, e a cifra total de mortos en todo o país desde que comezou a emerxencia en febreiro ascende a 32.169.

Desde o luns rexistráronse 813 novos contaxios, a metade deles na Lombardía, e os casos totais ascenden a 226.699, dos que 129.401 xa se curaron.

Francia corrixe á baixa a súa cifra de mortos pola COVID-19 en residencias

Pola súa banda, Francia corrixiu este martes á baixa o número de mortos pola COVID-19 en residencias de anciáns "debido a un axuste dos datos que chegan desde estas", segundo indicou o director xeral de Sanidade, Jérôme Salomon. 

O pasado domingo, as cifras oficiais rexistraron un importante salto no número de falecidos, ao integrar datos de centros da terceira idade

Así, os datos oficiais indican que o número total de falecidos polo coronavirus no país é de 28.022, 217 menos que os indicados a véspera. Destes, 125 rexistráronse nas últimas 24 horas en hospitais, que aumentan así ata os 17.714. Mentres, nas residencias o total baixou por a causa do axuste da contabilidade ata situarse nas 10.308.

Desde o inicio da crise sanitaria en Francia, 143.427 persoas contaxiáronse no país, 524 delas nas últimas 24 horas. Salomon indicou que o número de persoas hospitalizadas se reducius en 547, ata as 18.468, unha tendencia que se observa tamén entre os que precisan coidados intensivos, 1.894, 104 menos que a véspera.