Galicia non comunica falecidos nunha xornada con repunta de contaxios e casos activos
• Alza importante de contaxios, que superan os 200 por primeira vez nun mes
• Subida dos casos activos, ata os 2.286 (+93)
A xornada deste sábado rompe coa estabilidade relativa que mantiña a evolución da epidemia de coronavirus en Galicia. Repuntan os contaxios detectados en todas as probas, que son 206, con 60 casos novos respecto á xornada anterior. E o diagnóstico por PCR tamén sobe ata os 190 positivos, que son 68 máis. Hai case un mes que en Galicia non se superaban os 200 contaxios, o día 12 de marzo. A positividade das probas sobe un punto, por riba do 3 %.
E tamén hai un incremento dos casos activos, que son 2.286 este sábado, con cifras das 18 horas do venres, un incremento de 93 persoas máis coa infección por covid en relación ao rexistro precedente. Son os dous indicadores negativos da xornada na curva do coronavirus que Galicia mantiña a raia á espera de que se concrete o impacto da Semana Santa.
Mentres, mantense a presión asistencial con variacións minimas nos datos, xa que permanecen hospitalizadas 167 persoas, as mesmas que a xornada anterior, cun ingresado máis en planta, 142 pero un paciente menos en UCI, 25.
E despois de que Galicia confirmara unha nova morte a últimas hora do venres, a dunha muller de 77 anos en Santiago que falecía o xoves, son 2.368 as persoas falecidas durante a crise sanitaria.
Situación por áreas sanitarias
Nas distintas áreas, Vigo, unha vez que superou A Coruña, mantense como a que presenta o maior volume de enfermos en Galicia, 625. Os únicos hospitais que non teñen pacientes en UCI son os de Lugo, A Mariña e Monforte, mentres que nos da demarcación de Ourense e Pontevedra hai dous enfermos en agudos e nos da Coruña teñen 9, a cifra máis elevada de Galicia.
A Coruña: 606
Ferrol: 71
Lugo: 160
Ourense: 173
Pontevedra: 302
Santiago: 349
Vigo: 625