CRTVG

Buscar

Repsol acorda cos traballadores reducir case á metade os afectados polo ERTE da refinería

Publicado o 07/05/2021 17:08
Repsol acorda cos traballadores reducir case á metade os afectados polo ERTE da refinería

Hai acordo entre a dirección de Repsol e os traballadores na negociación do ERTE para a refinería da Coruña. Redúcense a 112 os traballadores afectados dos 212 previstos inicialmente. Tamén se reduce o tempo de aplicación desta medida de seis meses a catro meses e vinte días, tras do que os traballadores se incorporarían á súa actividade habitual. O ERTE entrará en vigor o próximo martes.

A compañía informa nun comunicado de que ningún empregado alcanzará o 100 % de afectación, xa que en maio e xuño o expediente incluirá 42 persoas. A partir de xullo, abarcará 70 persoas máis, completando as 112 con distinto grao de aplicación. Con carácter xeral, redúcese o número de meses de aplicación do ERTE, pasando dos seis meses iniciais a un máximo de catro meses e vinte días, tras os cales os traballadores se reincorporarán á súa actividade habitual.

Os cinco sindicatos que forman parte do comité de empresa -USO, CCOO, UXT, STR e CIG- asinaron o acordo, aínda que este último, que respectou a vontade da maioría, non comparte a decisión. O delegado sindical da CIG, Ventura Agis, lamentou, en declaracións a Efe, este acordo porque considera que “"non hai fundamento para a aplicación do ERTE", pois a documentación presentada pola empresa, ao seu xuízo, non acredita as causas.