CRTVG

Buscar

Reproches ao Goberno polo paro e a reforma do Poder Xudicial na sesión de control

Publicado o 14/04/2021 19:37

Yolanda Díaz debutaba no lugar de Pablo Iglesias como contrincante de Teodoro García Egea nas sesións de control. O número dous do PP lamentaba da vicepresidenta que a súa visión comunista da política vai en contra dos intereses xerais dos españois. Os datos do paro foron o seu primeiro reproche á tamén ministra de Traballo. Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, cre que "o paro, a pobreza e a exclusión á que están abocando 6 millóns de familias é o que mingua as liberdades de todos os españois".

Díaz lembráballe que a cifra oficial de parados é dous millóns menor. A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Traballo retrucou que "eses 6 millóns dos que vostede fala entendo que lle lembran a xestión do Partido Popular de Mariano Rajoy que en 2013 tiña 6.268.000 parados".

Joe Biden aínda non chamou a Pedro Sánchez. Foi un dos exemplos que usou Pablo Casado para criticar a deterioración da imaxe de España no exterior. Outro foi o amparo que pediron en Europa 3 asociacións xudiciais pola reforma do órgano de goberno dos xuíces. O presidente do PP dixo que "2.500 xuíces tiveron que recorrer ao comisario Reynders para queixarse polos seus ataques á separación de poderes e a independencia xudicial, que é a nosa única petición para poder renovar os órganos constitucionais desde hai xa dous anos". Ao que Pedro Sánchez respondía: "Sabe perfectamente que aquelas persoas que negociaron co ministro de Xustiza estamos de acordo en moitas das cousas que quedan por facer. Por tanto, téndolle a man".

Ademais, PP e VOX volveron pedir a dimisión do ministro do Interior polo cesamento frustrado do coronel De los Cobos e Ciudadanos reprochoulle á vicepresidenta Calvo o seu silencio ante a postura de Podemos nos altercados na campaña madrileña.

Noticias web

14/04/2021