Repiten o cribado no Meixoeiro por un gromo que eleva a 55 os contaxios

O Servizo Galego de Saúde realizará un novo cribado a todo o seu persoal e aos seus pacientes ingresados no hospital Meixoeiro por un gromo de covid-19 que suma 55 contaxios. O Sergas considérao o gromo máis preocupante en hospitais no que vai de pandemia.
Fontes sanitarias detallan que son 35 os pacientes infectados neste hospital e 20 profesionais en relación cun gromo que se detectou hai dúas semanas e que está a deixar un goteo de novos positivos.
Todos estes pacientes están a ser derivados ao hospital Álvaro Cunqueiro, tamén en Vigo, onde se contabilizan, segundo os últimos datos actualizados, 16 ingresados en UCI e 121 en planta.
A estes súmanse outros sete pacientes en UCI en centros privados, seis no concertado de Povisa e un no Vithas Fátima, e outros 43 en planta.