CRTVG

Buscar

Os mercados municipais de Lugo ofrecen repartimento a domicilio de balde

Publicado o 31/03/2020 14:21

Pese a ser día de mercado en Lugo, a praza de abastos está practicamente baleira. Debido ao confinamento, son poucos os clientes presenciais, polo que os praceiros, co apoio do Concello, decidiron tomar cartas e repartir as compras a domicilio de xeito totalmente gratuíto. Unha vez feitos os pedidos, que se poden realizar por vía telefónica, os consumidores reciben nos seus fogares os produtos adquiridos.

"Estamos traballando por teléfono. Hai unha persoa que está repartindo e nós estamos preparando o peixiño. É o que temos. Se non, o seguinte é cerrar. Esperemos que non porque somos catro persoa aquí".

"Chámase. Ou chamas ti o cliente ou chámate o cliente e despois lévasllos ao longo da mañá ou da tarde. Como agora están sempre na casa, dálles igual".

Moitos dos postos xa repartían os seus produtos polas casas dos clientes, pero o confinamento fixo que esta forma de compra se disparase nos últimos días. Nalgúns casos, incluso aumentaron en máis dun 50 por cento os pedidos feitos por teléfono, que tamén se cobran a domicilio.

"Máis dun 50 por cento. Ao mellor un 60 ou 70, quixais. A xente ten máis medo e é máis precavida".
"Agora pide máis xente, e á parte diso non sabían que repartiamos a domicilio. Eu xa tiña algunhas clientas que ca llelo adoitaba levar, pero agora aínda máis contentas. Aínda hai un pouco chamoume unha para que llo leve á casa, e antes viña ela. A esa nunca llo levei, pero agora voullo levar. E ben".

"Eu teño clientes que xa llelo levaba á casa. E a partir disto do coronavirus, seguimos levando tamén. E estame chamando moita xente para que lles leve".

"Telefonicamente, non suples, pero imos ver se cubrimos gastos e se pasa pronto".

Entre a praza de abastos e o mercado municipal de Lugo, son máis dunha vintena os praceiros acollidos a este servizo gratuíto de compra a domicilio.

Noticias web

31/03/2020