Os críticos de Ciudadanos piden unha asemblea extraordinaria tras o 4-M

O sector crítico de Ciudadanos, Renovadores Cs, considera un "parche" a renovación da executiva deste luns e pídelle á dirección de Inés Arrimadas que convoque unha asemblea extraordinaria despois das eleccións de Madrid.
Nun escrito asinado polo seu voceiro, o exdeputado catalán Antonio Espinosa, os Renovadores reclaman unha asemblea que "dea a luz unha formación renovada, transformada, cunha nova cultura de partido, onde poidamos volver dicir que ciudadanos somos todos".
Segundo este sector, a refundación debería facerse cunha votación en urna e un sistema que garanta a representación da "pluralidade interna en todos os órganos do partido”, no que "cada afiliado conte cun voto".
Ademais, advírtenlle á executiva que se non se atende a súa demanda, "seremos os afiliados unidos arredor de Renovadores Cs os que conseguiremos esa asemblea extraordinaria".
"Desilusión pola falta de rumbo"
Para o sector crítico, afastado da dirección, Arrimadas e a súa contorna "seguen sen facer a análise política" que fai falla. Considera que a "sangría de afiliados" e a saída de cargos cara ao PP ten que ver coa "desilusión" pola "falta de rumbo e dirección do partido e pola falla de participación interna na toma de decisións".
"Os cambios que levou a cabo Inés Arrimadas non son os que necesita Ciudadanos, son un mero parque co único propósito de salvar os mobles para chegar ás eleccións do 4 de maio (…) A crise profunda na que está instalado o noso partido non se soluciona coa dimisión de Carlos Cuadrado e José María Espejo que, porén, continúan no Comité Executivo permanente", engade o texto.
Segundo Renovadores Cs, as medidas aprobadas este luns en Madrid son "pura cosmética e supoñen un peche en falso da crise". No proxecto do sector crítico tamén están implicados exdeputados como María Valle, Sergio Sanz ou Carmen de Rivera, a concelleira de Lleida Àngels Ribes ou o edil en Gavà (Barcelona) Miguel Ángel Ibáñez.