CRTVG

Buscar

Renault, imputada en Francia por engano no control das emisións nos motores diésel

Publicado o 08/06/2021 19:12
Renault, imputada en Francia por engano no control das emisións nos motores diésel
EFE

O fabricante automobilístico francés Renault anunciou este martes que foi imputado por "engano" nos dispositivos de control de emisións contaminantes dos vehículos diésel. A empresa deberá entregar unha fianza de 20 millóns de euros, 18 deles previstos para o eventual pago de danos e multas, e ofrecer unha garantía bancaria de 60 millóns de euros para afrontar posibles indemnizacións.

A investigación abriuse en xaneiro de 2017 e buscaba determinar se os instrumentos que regulan as emisións dos coches do grupo francés están programados para ocultar o volume de contaminación que realmente emite o vehículo en condicións reais de condución.

A empresa subliñou hoxe a súa presunción de inocencia e rexeitou "cometer a máis mínima infracción". O seu comunicado destacou que os seus vehículos non están equipados con programas "de fraude" e sinalou que "sempre respectou a lexislación francesa e europea". "Todos os vehículos Renault sempre estiveron homologados conforme á lei e ás regulamentacións en vigor", concluíu a nota.

A posible fraude ten o agravante do perigo dos motores diésel obxecto das pescudas para a saúde das persoas ou dos animais. Renault destacou en 2017, cando se abriu a investigación, que non se trata da mesma que lle foi aberta ao fabricante alemán Volkswagen.

Na orixe deste procedemento xudicial está o que iniciara o Servizo Nacional do Organismo Antifraude sobre Renault. A finais de 2015, eses servizos rexistraran varias sedes de Renault para tratar de confirmar que a marca do rombo non utilizaba, como Volkswagen, mecanismos para dar informacións enganosas sobre os niveis de contaminantes dos seus vehículos.

A razón deses rexistros eran os resultados obtidos por varios modelos de Renault nas probas realizadas pola comisión oficial creada en setembro de 2015, a instancias do Ministerio francés de Ecoloxía, no eco do escándalo Volkswagen.

De acordo coas conclusións da comisión técnica creada pola entón ministra de Ecoloxía, Ségolène Royal, as cantidades de óxidos de nitróxeno (NOx) en condicións reais de condución, en particular para versións diesel do Captur e do Espace, eran varias veces superiores ás obtidas na homologación en laboratorio. 

 

 

Noticias web

08/06/2021