CRTVG

Buscar

Renato Tapia devece por xogar co Celta en Europa

Publicado o 20/08/2021 15:40

• Asegura que a polémica con Denis Suárez "non afecta" o vestiario

• O peruano recoñece que está "moito mellor" fisicamente ca temporada pasada

Hoxe estivemos con Renato Tapia, recibiunos na súa casa tres días antes de xogar ante Osasuna, en Pamplona. Para o peruano será a súa segunda temporada en Vigo. Di sentirse moi a gusto, feliz co rol que ten neste Celta de Coudet. Gustaríalle xogar en Europa e mesmo ampliar o contrato. Sobre o conflito entre Denis e o presidente Mouriño, Tapia cre que lle non afecta ao día a día do vestiario:

"Non afecta no vestiario. Temos que minimizar esas cousas e enfocarnos no fútbol".

Non só estamos a falar dun líder no Celta, senón tamén na selección do Perú. Hai uns días que fixo 26 anos. Renato Tapia. Saben cal é o seu alcume? 

Renato Tapia: "Xente próxima a min chámame 'cabezón', pero agora dinme tamén o capitán do futuro".

O capitán do futuro. Atendan. Ten contrato ata o 2024. Sorrí... e engade: "Renovar co Celta sería tamén un soño, moi lindo, pero estou moi tranquilo, nunca me pasou pola cabeza marchar".

Tivo ofertas, pero está feliz en Vigo. E soña: "Morro por xogar en Europa, pero paso a paso, estou seguro de que este equipo pode acadalo".

Só tivo unha semana de vacacións. Da Copa América á Liga. E este matiz: "Fisicamente, moito mellor ca a temporada pasada".

Xogador revelación da temporada pasada. Un líder con 26 anos.

Noticias web

20/08/2021