CRTVG

Buscar

Remontada épica do Deportivo Xuvenil na Youth League

Publicado o 20/10/2021 22:00

Gañou por 4-0 ao Pogon polaco neutralizando os tres goles de desvantaxe da ida. Baldomar marcou o tanto definitivo no minuto 91

Remontada épica do Deportivo Xuvenil na Youth League

O Deportivo xuvenil pasa de rolda na Youth League grazas a unha épica vitoria ante o Pogon polaco. Tiñan que remontar o 3-0 da ida e os xogadores de Manuel Pablo saíron a por todas acirrados polos 9.000 espectadores que se deron cita en Riazor. 

Un gol en propia porta aos seis minutos abría a posibilidade. Antes de descanso Víctor Guerra e Nájera igualaban a eliminatoria e deixaban todo pendente do segundo tempo. 

Con moitas semellanzas a aquela eliminatoria diante do Milán na Champions League, no segundo tempo o encontro igualouse con ocasións para os dous equipos. Os problemas físicos fixeron acto de presenza e houbo que agardar ata o minuto 91 para ver o desenlace. Hugo Baldomar marcaba o gol que desataba a tolemia. 

O vindeiro 3 de novembro comezará na Coruña o partido da segunda rolda. O Deportivo xa coñece o rival que vai ter enfronte. Será o Maccabi Haifa. A volta xogarase o 24 dese mesmo mes en Israel. 

Noticias web

20/10/2021