CRTVG

Buscar

Rematan os Xogos co meirande botín da historia do deporte galego

Publicado o 07/08/2021 21:37
Rematan os Xogos co meirande botín da historia do deporte galego

Sete medallistas galegos. Os Xogos de Tokyo remataron co meirande botín da historia do noso deporte. Todo comezou co bronce de Ana Peleteiro nunha memorable final de triplo salto na que se bateron o récord do mundo e a ribeirense fixo récord de España. 

Logo viría o momento estelar de Teresa Portela que se fixo coa prata no K1 200 na edición na que cumpría a sexta participación olímpica, algo que ningunha deportista española conseguira con anterioridade. 

En vela o vigués Nico Rodríguez conseguiu o bronce na clase 470 continuando a serie vitoriosa dos deportes de mar. 

Remataron os Xogos con catro medallas máis. As acadadas por Carlos Arévalo e Rodrigo Germade no K4 500. Os padexeiros levaron a prata. En fútbol Iván Villar non tivo oportunidade de xogar en ningún partido pero tamén se fixo acreedor da prata logo da derrota na final contra o Brasil. E outro porteiro de Cangas, Rodrigo Corrales, tamén tivo participación destacada no bronce acadado pola selección española de balonmán. 

A iso hai que engadir dez diplomas: Támara Echegoyen e Iago López Marra quedaron a un suspiro de conseguir o bronce e remataron na cuarta posición. Tamén saben a gloria os quintos postos de Adrián Ben na proba dos 800 metros e dos padexeiros Carlos Arévalo (K1 200) e Antía Jácome (C1 200). Caetano Horta, no dobre scull de peso lixeiro de remo, trouxo un sétimo posto que sabe a ouro, sobre todo porque o conseguiu con dezaoito anos. O baloncesto tamén deixou diplomas, tanto en categoría feminina (Raquel Carrera e Tamara Abalde) e masculina (Alberto Abalde). Por último o hispano cubano afincado na Coruña Enmanuel Reyes tamén levou diploma ao caer nos cuartos de final dun xeito polémico.