Remata sen éxito a terceira xornada de busca do mariñeiro desaparecido nas Cíes
Publicado o 26/02/2020 20:29
Rematou a terceira xornada de busca de Jorge Emilio Martín, o patrón do Marsua, a embarcación que naufragou nas inmediacións das illas Cíes este luns. Membros de Protección Civil do Val Miñor atoparon pola tarde, no pico de Patos, a súa licenza como patrón, e iso pode acoutar a súa busca.
Se pola mañá o buscaban por terra, mar e aire, xa pola tarde e polas condicións meteorolóxicas só se facía por mar e terra. Compañeiros do desaparecido tamén colaboraron no dispositivo.
Os mergulladores non poderán traballar ata o venres por causa do estado do mar.
José Manuel Freire Leyenda, o mariñeiro que perdeu a vida no naufraxio, foi incinerado na intimidade familiar.
O dispositivo de busca iniciarase á primeira hora da mañá.