CRTVG

Buscar

Remata o xuízo contra o frade do Cebreiro acusado de abusos

Publicado o 06/02/2019 22:11

Hoxe remata o xuízo contra o frade do Cebreiro acusado de abusar sexualmente dunha menor de idade e dun parente seu.

O xuízo ao frade do Cebreiro chega ao seu remate despois da declaración dos gardas civís e dos peritos que interviñeron neste procedemento por supostos abusos sexuais a unha rapaza de 16 anos e ao curmán da menor, un mozo con discapacidade. O caso, polo que lle piden ao relixioso 17 anos de cadea, queda hoxe visto para sentenza.

Malia que non transcendeu o que declararon as vítimas, que compareceron onte na Audiencia de Lugo a porta pechada, a moza ratificou que houbo relacións sexuais consentidas. A defensa de Xosé Quintela, que sempre dixo descoñecer que a rapaza era menor de idade, fixo fincapé en que ela era, de feito, a que realizaba todas as xestións familiares e levaba unha vida independente impropia dunha rapaza da súa idade. Pola contra, a Fiscalía apuntou que ao frade lle atraían as menores, como foi o caso doutra moza que hoxe declarou como testemuña á que lle fixo insinuacións a través dunha rede social.

Ademais, dos supostos abusos sexuais, Xosé Quintela está acusado de utilizar a menor para elaborar material pornográfico. De feito, os axentes declararon que atoparon máis de duascentas fotografías de contido sexual no móbil do frade do Cebreiro, que na súa declaración admitiu que lle deu cartos en varias ocasións pero non polas relacións sexuais, senón porque era consciente das precarias condicións en que vivía coa súa familia.

Noticias web

06/02/2019