CRTVG

Buscar

Remata a rehabilitación de 5 vivendas históricas en Betanzos, dentro do plan Rexurbe

Publicado o 14/09/2020 14:24

A zona vella de Betanzos iniciou a súa recuperación coa rehabilitación de 5 vivendas históricas. Unha actuación que se enmarca no programa Rexurbe, con varios obxectivos. Entre eles,  "recuperar e rehabilitar os edificios en mal estado, atraer residentes a esa zona do conxunto histórico, xerando novas actividades e rexenerando ese ámbito", explica Heriberto García, director do IGUS.

Os inmobles restaurados, algúns de estilo gótico, destinaranse ao alugueiro como vivendas sociais. E nalgúns casos tamén albergarán espazos para uso comercial. O proceso comezou hai 3 anos. Dende entón a Administración galega mercou 17 inmobles, que tras a súa restauración, e cun investimento global de 7 millóns, se transformarán en 23 vivendas.

José Luis Martínez, arquitecto encargado dunha das actuacións, di que "hai que recuperar a funcionalidade e manter o carácter histórico". Todos os edificios son catalogados e teñen valor patrimonial, explica, polo que "o máis importante é manter o sistema estructural e a fachada ambiental que teñen dentro da zona histórica".

Xunto cos 5 inmobles agora rematados, hai outros 6 en execución. O obxectivo, rexenerar espazos urbanos de alto valor arquitectónico.

Igual que Betanzos, outras localidades galegas forman parte do plan Rexurbe, entre elas Ferrol, Ribadavia, Ourense ou Tui.

Noticias web

14/09/2020