Remata a instrución do suicidio do único sospeitoso do crime de Ponte de Lima
Corpos de seguridade de España e Portugal tentan esclarecer a secuencia do crime perpetrado nunha casa rural de Ponte de Lima hai unha semana. Foi o mércores pola mañá cando a Garda Republicana atopou o corpo sen vida dun home, cos xenitais mutilados. Estaba de vacacións coa súa parella, que conseguira escapar da casa tras presenciar o crime atada de pés e mans.
O único sospeitoso do asasinato e da agresión é o seu exmarido, un empresario vigués que para cando se descobriron os feitos xa se suicidara saltando da ponte de Rande.
O xulgado de garda encargado da instrución do suicidio é o de Cangas, que comunicou que xa finalizaron os trámites relacionados co falecemento do sospeitoso. A Policía Xudicial portuguesa mantén abertas as investigacións para esclarecer os feitos.