Remata a campaña do pemento do Couto, unha variedade que non pica
O pemento do Couto é unha variedade autóctona galega protexida como Indicación Xeográfica Protexida (IXP) desde 2010. A súa zona de produción abrangue a comarca de Ferrol e xunta uns 20 produtores.
A maioría deles concéntrase no concello de Narón, onde está localizada a cooperativa O Val. Cunha produción estimada duns 15.000 quilos anuais, O Val concentra practicamente a metade de todo o pemento comercializado ao amparo da IXP. Unha colleita que xa está nos seus últimos días porque a calor do verán adiantou este ano o desenvolvemento do froito.
A principal característica do pemento do Couto é que se trata dun pemento doce, polo que nunca pica, a diferencia dos seus parientes de Herbón, pero esta non é o único xeito de distiguilo.
"Se vos fixades, a cor do pemento do Couto é un pouquiño máis escura ca do pemento de Padrón, e logo tedes o tamaño é un pouquiño máis longo, un pouquiño máis grande ca o do pemento de Padrón", explica Marta Vázquez, xerente da cooperativa O Val.
E por suposto a mellor garantía de non confundir ambas variedades é mercar sempre pemento con indicación xeográfica protexida. Un amparo que na cooperativa do Val están a buscar para outra variedade autóctona galega, o tomate negro: "Estamos tramitando a posibilidade de conseguir a IXP, porque está resultando un produto moi bo, é moi coñecido na zona, entonces estámos aí, neste trámite para conseguir tamén iso". Un xeito de asegurar que non se perdan os sabores da horta galega.