CRTVG

Buscar

Os recintos de vacinación masiva pechan de xeito definitivo o 30 de setembro

Publicado o 26/09/2021 15:18

Os centros de vacinación masiva contra o coronavirus estarán abertos ata finais de mes. Despois, pecharán de xeito definitivo e a poboación sen inmunizar poderá acudir aos hospitais vacinarse.

Malia todo, segundo explica o conselleiro de Sanidade: "Probablemente algún punto masivo que ten algunha segunda dose programada para algunha xornada poida estar un par de días máis. Pero arredor do 30 de setembro pechan eses centros de vacinación masiva". 

Julio García Comesaña fai un balance positivo da campaña: "Tiñamos por diante un obxectivo ambicioso de chegarmos o 30 de setembro ao 95 por cento da poboación diana xa vacinada coa primeira dose. Pois imos quedar cerca", afirma.

Chamada telefónica

Para chegar a ese 95 % de cobertura da poboación maior de 12 anos, Sanidade comezou a chamar por teléfono as persoas que non acudiron aínda a vacinarse. O conselleiro insiste en que van dar "todas as facilidades para que ninguén quede sen vacinar en Galicia".

Confía en rematar a campaña de aplicación da terceira dose da vacina a unhas 45.000 persoas en pouco máis dunha semana. Con todo, ve probable que a dose de reforzo se amplíe a toda a poboación maior de oitenta anos.

Ocio nocturno

As vacinas e a caída da incidencia acumulada de contaxios permite avances tamén no ocio nocturno. A Administración reúnese este luns co sector para ultimar o novo protocolo que analizará o comité clínico o martes. O obxectivo é recuperar a implantación do certificado de covid−19 como pasaporte de entrada nos locais que pechan máis tarde.

"A nosa petición ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia encaixa perfectamente co que o Supremo nos avalou, polo tanto agardo non ter atrancos nese sentido e que se comece a aplicar a próxima fin de semana", estima.

Noticias web

26/09/2021