Reino Unido descobre unha segunda variante aínda máis contaxiosa da covid
O ministro de Sanidade británico, Matt Hancock, anunciou este mércores que se detectou unha segunda variante do coronavirus "aínda máis contaxiosa" que a que se informou a semana pasada.
Esta versión do SARS-CoV-2, ligada a persoas que viaxaron ao Reino Unido desde Suráfrica, é "moi preocupante" e parece conter máis mutacións que a que se comezou a estender con rapidez no sur de Inglaterra.
Ante a aparición desa variante, o Goberno británico imporá restricións inmediatas ás viaxes a Suráfrica e corentenas estritas ás persoas que regresaran do país africano nas últimas dúas semanas e os seus contactos.
Ata o de agora, o Reino Unido identificou dous casos desta nova mutación no seu territorio, ambos en individuos próximos a persoas que viaxaran nas últimas semanas. Nunha conferencia de prensa, o ministro británico afirmou que están incriblemente agradecido ao Goberno de Suráfrica polo seu rigor científico e pola apertura e transparencia coa que actuaron ao descubrir no Reino Unido a nova variante.
Restricións
O ministro anunciou ao mesmo tempo que máis zonas de Inglaterra entrarán nos próximos días no máximo nivel de restricións contra a pandemia, ante a expansión nos últimos días da cepa da que se informou a pasada semana. Esta última transmítese, aparentemente, a maior velocidade que as versións do virus coñecidas ata o momento.
A raíz da detección desa variante, máis de cincuenta países limitaron as viaxes desde o Reino Unido. Segundo as últimas cifras oficiais, os contaxios no territorio británico aumentaron nun 61,2% nos últimos sete días, respecto aos sete previos.
En Inglaterra xa hai 17.709 ingresados con covid, cada vez máis próximo dos 18.974 hospitalizados que se alcanzaron no pico da primeira onda da pandemia, o pasado 12 de abril. "Este Nadal e o inicio do 2021 vai ser un período duro. A nova variante faino todo moito máis difícil porque se propaga moito máis rápido. Pero non debemos rendernos, sabemos que podemos controlar este virus", dixo o ministro de Sanidade.
Hancock informou ademais de que o regulador británico recibiu xa a información necesaria para revisar a aprobación da vacina creada pola Universidade de Oxford e a farmaceutica AstraZeneca. "A vacina é a nosa saída a todo isto. A pesar do duro que vai ser o Nadal e o inverno, sabemos que o poder transformador da ciencia nos está axudando a atopar un camiño", afirmou.