CRTVG

Buscar

O regreso ás aulas será con 9.000 escolares galegos menos ca antes da pandemia

Publicado o 05/09/2021 20:34

O conselleiro de Educación di que encaran o novo curso escolar con "prudencia e responsabilidade" pero tamén con "optimismo". O uso da máscara, os grupos burbulla en infantil e primaria, a distancia de seguridade, aínda que algo reducida en secundaria, deixarannos unha imaxe moi semellante ao regreso ás aulas do curso anterior... pero con cambios que permite o avance da vacinación dos alumnos.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación: "Teremos na semana de inicio de curso de secundaria do día 13 ao 19 todos os nenos maiores de 12 anos con dobre pauta. Co cal obxectivamente temos un marco diferente, pero non debemos baixar a garda, temos que seguir sendo prudentes".

Tamén destaca o nivel de vacinación entre o persoal educativo.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación: "Galicia é das comunidades autónomas que ten un mellor seguimento no tocante á vacinación; no profesorado estamos a falar dun 96 %, profesorado e persoal non docente".

Dentro do plan Recupera, uns 1.250 mestres de reforzo contratados pola Xunta comezarán a traballar neste mes. Eses reforzos están programados para o primeiro trimestre. Pais e centros reclaman que se manteña o mesmo número de docentes do curso anterior.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación: "Temos a mellor ratio profesor-alumno. Temos o maior número de profesores con respecto aos alumnos que temos nas aulas. Hai que dicir que o profesorado de reforzo educativo á marxe do plan Recupera ten que ser financiado pola comunidade autónoma, xa que non existen fondos específicos por parte do Goberno do Estado para poder facer fronte aos custos de adaptación, como si aconteceu o curso pasado".

Este será tamén un curso marcado pola caída demográfica. Segundo a Consellería de Educación hai 4.000 alumnos menos en infantil e primaria que o curso pasado e uns 9.000 menos ca antes da pandemia.

Noticias web

05/09/2021