Con máscara, pero pel con pel, os maiores recuperan o contacto cos seus
Despois de máis dun ano mantendo as distancias, as apertas e os bicos regresan este luns ás residencias de maiores. Unha medida que devolve alento a un dos colectivos máis castigados pola pandemia.
Este luns por fin se levantou a prohibición de bicarse e abrazarse nas residencias despois dun ano moi duro no que a pandemia privou dun contacto físico moi necesario a familiares e residentes. A medida recibiuse cunha mestura de emoción, alegría e tamén moita cautela, xa que, aínda que están protexidos pola vacina, saben que a pandemia non rematou.
Aínda con máscara, pero pel con pel, os maiores recuperan a calor que lles faltou este ano. Para algúns residentes é unha alegría, para outros unha necesidade.
Ademais, a nova resolución da Xunta amplía de 3 a 5 o número de saídas semanais, e permite pasar un mínimo de 5 noites fóra da casa se se fan proba de PCR ou antíxenos á volta. Os traballadores, tamén coa vacinación completada, recuperan o contacto afectivo cos residentes. Non teñen lazos de sangue pero convertéronse en familia, e xuntos comezan a desescalada despois dun dos anos máis difíciles da súa vida.