CRTVG

Buscar

Regresa á Terra con éxito a primeira expedición cinematográfica espacial

Publicado o 17/10/2021 08:33
Regresa á Terra con éxito a primeira expedición cinematográfica espacial

A nave tripulada rusa Soyuz MS-18 aterrou este domingo sen contratempos na estepa de Kazakhstán, segundo as imaxes difundidas en directo pola axencia espacial de Rusia, Roscosmos.

A bordo da cápsula de descenso regresaron á Terra desde a Estación Espacial Internacional (EEI) o cosmonauta ruso Oleg Novitski e os membros da primeira expedición cinematográfica espacial, a actriz Yulia Peresild e o realizador Klim Shipenko, ambos os dous tamén rusos.

A Soyuz tocou terra ás 04:35 GMT a uns 150 quilómetros ao sueste da cidade de Zheskangán, tal e como estaba previsto. "A tripulación está ben!", informou en Twitter Roscomos inmediatamente despois da aterraxe.

Primeira impresións

O director da axencia espacial, Dimitri Rogozin, recibiu a tripulación da Soyuz MS-18. O primeiro en ser evacuado da cápsula foi Novitski, o seu comandante. A continuación, saíu Shipenko, que nas súas primeiras declaracións á prensa dixo que "a engalaxe e a aterraxe son sensacións impresionantes".

Peresild foi a última en saír. Riseira, asistida polos médicos, a actriz sinalou que lle pareceu pouco o tempo que estivo na plataforma orbital. Xunto con Shipenko permaneceu doce días na EEI, onde rodaron gran parte das secuencias da longametraxe de ficción O reto, unha produción conxunta de Roscosmos, a primeira canle da televisión federal e o estudio Yellow, Black and White.

A película

A trama da película xira ao redor dunha cirurxiá, encarnada por Peresild, que voa de urxencia ao espazo tras un breve período de adestramento para asistir un cosmonauta, papel que interpreta Novitski.

Segundo o proxecto, o material rodado no espazo empregarase para producir preto dun terzo da película (30-35 minutos) mentres que o resto das secuencias filmaranse en terra.

Na película participa tamén Novitski, que cumpriu unha misión de pouco máis de seis meses a bordo da plataforma orbital, na que permanecen os rusos Antón Skpaklerov e Piotr Dubrov, os estadounidenses Mark Vande Hei, Megan McArthur e Shane Kimbrough, o francés Thomas Pesquet e o xaponés Akihiko Hoshide.

Noticias web

17/10/2021