Reganosa vai operar a primeira terminal de gas licuado de Sardeña

A sociedade italiana Higas adxudicoulle a Reganosa o contrato de operación e mantemento da primeira terminal de gas natural licuado da illa de Sardeña.
Segundo a empresa con base en Mugardos, a construción destas instalacións, no porto de Oristano, atópanse na súa fase final. De feito, agárdase que comecen a funcionar durante o primeiro semestre deste ano.
Nun comunicado, a firma galega salienta que con este contrato se converte na única "compañía do mundo que xestiona ata tres plantas propiedade de terceiros".
Reganosa asegura que o complexo vai contar cun peirao capaz de recibir catro barcos de ata 20.000 metros cúbicos, un brazo de descarga, seis tanques crioxénicos horizontais (con capacidade para almacenar 1.500 metros cúbicos cada un) e dúas bahías de carga de cisternas.
A empresa considera que o proxecto apuntala o seu proceso de expansión internacional. Na actualidade, Sardeña carece dun sistema de acceso ao gas natural.