CRTVG

Buscar

Redúcese á metade a incidencia acumulada da covid en Viveiro

Publicado o 02/02/2021 14:42

Foi a mediados de xaneiro cando os datos da covid en Viveiro facían saltar as alarmas. Comezaron a aplicar alí as medidas máis duras e as restricións xa están a achegar un importante descenso nos casos.

"Dende que cortaron si se nota bastante melloría. Si que se nota e vai baixando, había que facer algo porque se non a xente nunca se conforma". "Vai algo mellor, pero hai que ter paciencia". "Si, din que baixa, que se vai notando algo. Falta fai, que levamos moitos días e xa necesitamos un respiro".

En só quince días a incidencia acumulada pasou de superar os 1.600 casos por cada 100.000 habitantes a reducirse á metade.

"Ves nos comercios que hai pouca xente, se teñen que esperar xa saben que hai que quedar na porta e a verdade é que o levan ben".

Melloran os datos no concello máis grande da Mariña, pero cómpre non baixar a garda.

"Penso que non hai que confiarse pero eu non saio da casa". "Hai que aguantar un pouco máis o que se poida e saír adiante, se non non damos saído".

Os veciños teñen claro que hai que seguir cumprindo as restricións.

"Se nos confiamos volvemos encerrarnos nas casas e iso non o debemos facer, hai que coidarse e andar con sentidiño".

Toca seguir loitando para reducir os contaxios e que os datos sigan achegando bos resultados.

Noticias web

02/02/2021