CRTVG

Buscar

Redúcese a incidencia en Marín, que continúa no nivel alto de restricións

Publicado o 05/05/2021 15:01

Hai uns días a situación en Marín facía temer un peche perimetral. Un gromo detectado nun colexio e outro nunha empresa frigorífica elevaban alarmantemente a incidencia da covid neste concello, que está no nivel alto de restricións desde o 23 de abril.

Agora, cos dous gromos controlados, a mellora parece clara, pero non o suficiente para baixar a nivel medio as restricións. A actividade da hostalaría segue, polo tanto, limitada ao exterior, e cun 50 por cento de capacidade. E iso nótase no ánimo do sector.

"Optimismo ningún, vannos quedar uns anos de moito traballo, de moita tristeza", di José Antonio Paz, que traballa desde hai case medio século á fronte do Rincón do Pescador. Ao seu lado, desde a Casa Pilán, Manuel Muñoz explica que "intentamos subsistir, xa levamos ano e medio así, e chega un momento que che empeza a afectar psicoloxicamente".

Na rúa, agárdase con ansia unha pronta relaxación das medidas se os datos acompañan. "É unha pena, pero o primeiro é a saúde", di un viandante. Un comerciante de produtos agrarios quéixase da falta de compromiso da poboación: "Eu fun o venres facer a proba, e eramos catro contados", asegura.

Superado, polo de agora, o perigo de peche perimetral, a hostalaría de Marín continúa pelexando. Porque, como no caso deste establecemento, non hai pandemia que poida con eles. "Nós levamos 111 anos abertos e non me vai pechar esta pandemia, porque o meu primeiro avó morreu na gripe española do XIX", lembra o propietario de Casa Pilán.