CRTVG

Buscar

Recupérase o culto con fregueses nos templos despois de dous meses

Publicado o 11/05/2020 14:02

Esta foi a primeira misa pública que se oficiou na catedral de Lugo en case dous meses, tras a recuperación do culto aberto a todos os crentes. Ata a entrada nesta fase 1 do desconfinamento, só se puideron celebrar as eucaristías en liña ou en privado.

Luciano Armas, cóengo da catedral de Lugo: "Ata aquí, víñase tendo todos os días en streaming. Celebraba o señor bispo dende a súa capela, en palacio. Despois había, de cando en vez, pero só en privado, celebracón aquí por parte dun sacerdote para manter o culto na mesma igrexa".

Os asistentes ás misas teñen que respectar unha serie de restricións. En primeiro lugar, deben ter en conta que a acollida está limitada a un 30 por cento da capacidade do templo. Ademais, deben acudir con máscara e gardar unha distancia mínima dun metro co resto dos participantes no culto. Tampouco están permitidos os coros, pasar a cesta da colecta, tocar as imaxes ou dar a man no rito da paz.

Paquita Jiménez, encargada da catedral de Lugo: "Pois as disposicións son ir con máscara, ao entrares hai dispensadores de xel e toalliñas, tamén desinfectantes, e gardar as distancias correspondentes. Xa están os asentos marcados, onde se pode poñer a xente".

Luciano Armas, cóengo da catedral de Lugo: "Hai que coidar, evidentemente, todas as disposicións previstas para estas aglomeracións. Un 30 por cento, gardar a distancia e o que é coñecido por parte de todos".

Polo de agora, na catedral de Lugo só se ofician dúas misas, polas mañás. Para a semana vindeira, prevese que se celebren tamén polas tardes.

Noticias web

11/05/2020