Recuperan o piso ocupado desde hai dous anos tras sete horas de negociación
Fin dun longo pesadelo para unha familia santiaguesa. Despois de dous anos coa súa casa ocupada ilegalmente por un grupo de persoas que ademais tiñan atemorizada a veciñanza, por fin puideron recuperar a vivenda tras contactar cunha empresa especializada.
Esta mañá o movemento que había á altura do número 4 da rúa dos Lagartos no barrio compostelán de San Pedro era ben diferente ao dos últimos meses. Os propietarios da vivenda, que prefiren non saír ante a cámara por medo, accedían a ela tras vivir o drama da ocupación.
O drama, segundo explicou a propietaria, comezou tras alugar o piso a unha moza que non pagaba a renda e ao marchar deulles as chaves aos "okupas".
Despois de tentar en varias ocasións o desaloxamento por vía xudicial, recorreron hai un mes aos servizos dunha empresa especializada.
"Contactaron con nós hai un mes, comprobamos que eran os lexítimos propietarios e comezamos o proceso noso, que é pedir autorización ao Ministerio do Interior, Delegación do Goberno e seguridade privada, que neste caso non fixo falla porque atenderon a mediación", di Jaime Sanz, director de ocupacións da empresa especializada.
Sete horas e media de negociacións tras as que os dous ocupantes ilegais accederon a abandonar a vivenda a cambio da retirada das denuncias interpostas polos propietarios.
Tanto a propietaria como os veciños séntense aliviados porque o piso convertérase nun punto de consumo e venda de droga.
Tras colocar unha pechadura de seguridade e un sistema de alarma, hoxe empezaban os labores de limpeza e reparacións dos danos ocasionados.