CRTVG

Buscar

Recrúa a polémica política polos indultos aos independentistas, que serán "individuais, persoais e reversibles"

Publicado o 20/06/2021 21:32

Os indultos aos independentistas cataláns terán un enfoque de "utilidade pública" na liña de propiciar a convivencia e pechar as feridas do procés. Este domingo transcendía que cada un dos nove afectados recibirá unha argumentación duns 30 folios nese sentido.

Desde o PSOE, o seu secretario de Organización, José Luis Ábalos, defende que os indultos non necesitan arrepentimento, baseándose na fortaleza do Estado: "Non é un exercicio da confesión para purificar os pecados, isto é un Estado de dereito. Pero cando din: 'E se o volven facer?', pois se o volven facer, o Estado de dereito demostrou a suficiente fortaleza como para non permitilo unha vez e, por suposto, non o permite a segunda".

Pablo Casado sinalaba no diario ABC que se el fose empresario en Cataluña, "querería que se cumprise a lei". Denuncia ademais un plan de Sánchez para "desarmar o Estado" -di- por un "interese patolóxico de ambición persoal".

Tamén o voceiro nacional dos populares, Martínez Almeida, se referiu ás medidas de graza: "O mínimo que lle podía dicir Pedro Sánchez, o mínimo, aos presos que vai indultar é: encima non vos riades de min. Porque non vos estades rindo de Pedro Sánchez, estades ríndovos do presidente do Goberno e, por extensión, do conxunto dos españois".

Para Oriol Junqueras, os indultos supoñen un triunfo do independentismo fronte ao Estado: "É un triunfo no sentido de que demostra algunhas das feblezas dos aparatos do Estado, porque é evidente que cando algunhas destas decisións adoptadas polos aparatos do Estado se confronten de forma efectiva coa xustiza europea non resistirán esta confrontación".

Outro dos posibles beneficiados, Jordi Cuixart, sinala en elnacional.cat que "co indulto non acaba nada". "A loita continúa e presistiremos", engade. Desde Waterloo, Carles Puigdemont, cualificaba as medidas de graza como "autoindultos" do Estado e retou a Sánchez a explicar este luns nun acto no Liceo se respectará a súa inmunidade.

Noticias web

20/06/2021