Record de turistas na Ribeira Sacra, no mes de xullo
A Ribeira Sacra está rexistrando os mellores datos turísticos dos últimos tres anos, cun 82 por cento de ocupación media no mes de xullo.
Para o parador de Santo Estevo, o aloxamento máis representativo da Ribeira Sacra ourensá, este mes de xullo foi o mellor da súa historia, desde a inauguración no ano 2004. Segundo os datos do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, o de xullo foi un gran mes en canto á ocupación, un 82% de media, que son 15 puntos máis ca o ano pasado e 5 puntos máis ca en 2019, cando aínda non oiramos falar da covid.
Só os hóspedes do parador poden pasar co coche a partir deste punto. Protección Civil controla os accesos a Santo Estevo para evitar atascos, ante a gran afluencia de turistas deste verán, atraídos por diversos motivos.
"Porque é precioso, e non fai moito calor, que se agradece moito vindo de Madrid. E cómese divinamente, e o prezo bastante razoable, así que estupendo". "O ambiente do bosque, da terra, dos pazos, da Ribeira...", comentan dous turistas.
No parador informan do mellor mes de xullo desde que botou a andar, hai xa 17 anos, e para agosto contan con superar o 93 por cento de media que rexistraron o mes pasado.
Alberto Pereira, adxunto á dirección no parador de Santo Estevo: "Se xullo xa foi o mellor mes, agosto vaino superar porque estamos cheos todos os días, só queda algunha habitación en días soltos, e o restaurante cheo, cheo todos os días".
Se durante o verán pasado o turismo da Ribeira Sacra se nutriu fundamentalmente de visitantes galegos, agora xa observan un cambio de tendencia. Aínda escasean os estranxeiros, pero hai moito visitante doutras comunidades.
"Vimos de Castellón e estamos aquí de vacacións por dez días. Estivemos en Ourense, visitando os pobos". "Xa coñeciamos a costa, Pontevedra, A Coruña. Pero o interior non. Queriamos coñecer Ourense e Lugo. Moi bonito e a xente moi amable", din dous hóspedes do parador.
Segundo os datos que acaba de facilitar o consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a ocupación media entre hoteis e turismo rural, foi do 82 por cento en xullo, 5 puntos máis ca en 2019, e para agosto prevén alcanzar o 89%.